Resumo de resultados




Observatorio transfronteirizo / Observatório transfronteiriço Galicia - Norte de Portugal

Resumo de resultados

Introdución

O Observatorio transfronteirizo Galicia–Norte de Portugal é o resultado das relacións de traballo entre o Instituto Galego de Estatística e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte, a través do seu Observatório das Dinâmicas Regionais, que conta coa colaboración do Instituto Nacional de Estatística de Portugal, no que se refire á sección de datos estatísticos e na preparación da metainformación asociada. Tendo en conta as diferenzas existentes entre os sistemas estatísticos dos respectivos países, tratouse de seleccionar as variables para as cales é posible asegurar a necesaria harmonización. Só a comparabilidade da información permite a lectura conxunta das dúas rexións e, en consecuencia, o afondamento no estudo das relacións transfronteirizas.

A Eurrorexión está formada pola Comunidade Autónoma de Galicia e a Rexión Norte de Portugal, que comprende as seguintes áreas: Alto Minho, Cávado, Ave, Área Metropolitana do Porto, Alto Tâmega, Tâmega e Sousa, Douro e Terras de Trás-os-Montes (NUTS-2013). Estas áreas da Rexión Norte e as catro provincias galegas (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra) correspóndense coa desagregación territorial de NUTS III utilizada por EUROSTAT.

Poboación

No ano 2019 residían aproximadamente case 6,3 millóns de habitantes nos preto de 51.000 quilómetros cadrados que ocupa a Eurorrexión. Galicia presenta unha maior dispersión da poboación con 91,3 habitantes por quilómetro cadrado, mentres que na Rexión Norte a densidade de poboación é de 167,8 habitantes por quilómetro cadrado.

No último ano produciuse unha caída no número de habitantes do 0,08% en Galicia e do 0,1% na Rexión Norte.

Superficie poboación e densidade. Ano 2019

Crecemento da poboación
Porcentaxes

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

No que se refire á estrutura por idades, Galicia caracterizase polo alto grado de envellecemento da súa poboación. En 2019, o 25,2% da poboación residente en Galicia tiña 65 ou máis anos, fronte ao 20,5% da Rexión Norte de Portugal. Complementando a este indicador, o índice de envellecemento mostra que na Comunidade Autónoma de Galicia residen 212,4 persoas de 65 ou máis anos por cada 100 mozos menores de 15 anos. Para a Rexión Norte a relación é de 159,6 maiores de 65 ou máis anos por cada 100 menores de 15.

A pesar de que Galicia mostra un índice de envellecemento moi superior, a Rexión Norte presenta uns maiores incrementos no índice que, nesta rexión, sobe 34,3 puntos no período 2013-2019. En Galicia o índice pasa de 195,4 en 2013 a 212,4 en 2019.

Poboación segundo grupos de idade. Galicia. Ano 2019
Porcentaxes

Poboación segundo grupos de idade. Rexión Norte. Ano 2019
Porcentaxes

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

Movemento natural da poboación. Ano 2018

No ano 2018 tanto Galicia como o Norte de Portugal rexistraron saldos vexetativos negativos, é dicir que nas dúas rexións o número de defuncións superou ao de nacementos. En Galicia morreron 15.859 persoas máis das que naceron e no Norte de Portugal o saldo vexetativo foi de -7.710.

A taxa bruta de natalidade, calculada como o número de nacementos por cada mil habitantes, presenta valores máis elevados na Rexión Norte de Portugal: 7,7 fronte 6,13 en Galicia. A taxa bruta de mortalidade (número de defuncións por cada mil habitantes), é 2,1 puntos maior en Galicia que no Norte de Portugal.

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

O mercado laboral

Aproximadamente 5,5 millóns de persoas constitúen, en 2020, a poboación en idade laboral da Eurorrexión, das cales aproximadamente 3,1 millóns están clasificadas como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 55,9%. Hai que ter en conta que a idade mínima legal para incorporarse ao mercado laboral é de 15 anos en Portugal e de 16 en España.

A taxa de actividade no Norte é maior que en Galicia: 58,7% fronte o 52,2%. O mesmo ocorre coa taxa de ocupación: 54,7% fronte o 45,9%. A taxa de paro acada en Galicia o 12% mentres que na Rexión Norte de Portugal é do 6,8%.

Poboación segundo a relación coa actividade económica. Ano 2020
Miles de persoas

Taxa de paro
Porcentaxes

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

No tocante á poboación ocupada, tamén se observan diferenzas estruturais na clasificación segundo o sector de actividade económica.

O sector servizos é o que conta cun maior peso nas dúas rexións, pero en porcentaxes diferentes: o 69,6% dos ocupados galegos traballan neste sector, fronte o 61,4% dos traballadores da Rexión Norte. En contraposición, a industria ten unha maior importancia na Rexión Norte, cun 26% dos ocupados totais, mentres que en Galicia a porcentaxe de ocupados na industria é do 17%. Pola súa banda, o sector primario dá traballo ao 5,5% dos ocupados da Rexión Norte de Portugal e ao 6,4% de Galicia.

Poboación ocupada por sectores de actividade. Galicia. Ano 2020
Porcentaxes

Poboación ocupada por sectores de actividade. Rexión Norte. Ano 2020
Porcentaxes

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

O comercio intracomunitario

No ano 2020, Galicia exportou con destino á UE-27 (excluíndo o resto de España) mercadorías por valor de 15.059,7 millóns de euros, mentres que o valor das mercadorías introducidas foi de 9.544,5 millóns. Como resultado, a balanza comercial coa UE-27 presenta un superávit de 5.515,2 millóns de euros. Francia e Portugal son os principais destinos das mercadorías expedidas por Galicia e os principais provedores.

Na Rexión Norte de Portugal, o valor das expedicións con destino á UE-27 (excluíndo o resto de Portugal) superou en 3.188,5 millóns de euros o valor das introducións. Os produtos exportados por esta rexión teñen como destino principal España e Francia mentres que no tocante as importacións, España e Alemaña son os principais fornecedores da Rexión Norte.

Comercio intracomunitario. Expedicións por destino e introdución por orixe. Ano 2020
Millóns de euros

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)
Nota: datos provisionais

En Galicia os produtos máis exportados á UE-27, atendendo as seccións arancelarias da clasificación TARIC, son: material de transporte (34,1% do valor total das expedicións) e as materias téxtiles e as súas manufacturas (21,3%) e e os produtos máis importados son o material de transporte (52,4%) e os metais comúns e manofacturas deses metais (10,3%).

En 2020, o 18,0% do valor das mercadorías exportadas pola Rexión Norte e con destino a UE-27 eran materias téxtiles e as súas manufacturas. No que se refire ás introducións, o Norte de Portugal importa máquinas, aparellos e material eléctrico (23,6% do valor total das introducións) e metais comúns e as súas manufacturas (11,4%).

Contas rexionais

O produto interior bruto xerado pola economía galega no ano 2019 acadou os 63.985 millóns de euros, o que supón un PIB per cápita a prezos correntes de aproximadamente 23.710 euros. Neste ano o PIB aumentou en Galicia un 1,8% con respecto ao ano anterior en termos de índices de volume. Na Rexión Norte, o PIB para 2019 estímase en 62.244 millóns de euros e o PIB per cápita a prezos correntes en 17.710 euros. O PIB medido en índices de volume subiu, neste ano, un 2,2%.

Produto interior bruto a prezos de mercado. Ano 2019

Taxas de variación interanuais en índices de volume do PIB
Porcentaxes

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

Desde a perspectiva da oferta, na estrutura do valor engadido bruto por sectores de actividade económica, a rama agraria e pesqueira ten un maior peso en Galicia que na Rexión Norte de Portugal (un 5,0% fronte a un 1,5%), mentres que a contribución da industria é maior na Rexión Norte (25,9% na Rexión Norte e 17,9% en Galicia). O sector da construción aporta o 7,6% do VEB galego e o 5,3% do da Rexión Norte. Por último, a importancia do sector servizos é similar nas dúas rexións (67,4% no Norte de Portugal e 69,5% en Galicia).

Valor engadido bruto a prezos básicos por ramas de actividade CNAE09. Ano 2019
Millóns de euros

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

O sector turístico

Un total de 3.243 establecementos (incluíndo establecementos hoteleiros, de turismo rural, campamentos e apartamentos turísticos) forman a oferta turística da Comunidade Autónoma de Galicia e poñen a disposición dos viaxeiros un total de 87.489 prazas. En 2019, un total de 5.095.680 viaxeiros aloxáronse nestes establecementos.

Na Rexión Norte de Portugal, a oferta turística está constituída por 1.785 establecementos, cunha capacidade de aloxamento de 73.987 prazas. O número de viaxeiros que en 2019 se aloxaron nalgún establecemento de turismo da Rexión Norte situouse en 5.873.026.

Número de establecementos de turismo e prazas. Ano 2019

Número de viaxeiros nos establecementos de turismo. Ano 2019

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

Indicadores sociais

No que a saúde se refire, en 2019 a ratio de médicos por 1.000 habitantes foi similar: 5,3 no caso galego fronte a 5,4 na Rexión Norte. No ano 2019 había 80 establecementos sanitarios con réxime de internado na Rexión Norte cun total de 11.941 camas, fronte a 35 establecementos e 8.906 camas no caso galego.

A esperanza de vida, indicador que permite realizar comparacións sobre a mortalidade e as condicións de saúde en distintas poboacións, é superior en Galicia. A esperanza de vida para os residentes en Galicia é de 83,82 anos, fronte os 81,33 anos da rexión Norte de Portugal. É de salientar que o indicador é superior para as mulleres en ambas as dúas rexións. Para Galicia a diferenza entre a esperanza de vida masculina e feminina no momento do nacemento é de 6,17 anos (a favor das mulleres). Na Rexión Norte de Portugal os homes viven de media 5,41 anos menos que as mulleres.

Indicadores de saúde. Ano 2019

Esperanza de vida. Ano 2019

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

O abandono educativo temperán permite comparacións entre os niveis educativos a un lado e outro da fronteira galaico portuguesa. Este indicador defínese como a porcentaxe de mozos entre 18 e 24 anos (ambos inclusive) que non completou o nivel de educación secundaria segunda etapa, e tampouco segue ningún tipo de formación (regrada ou non regrada). En 2020 esta porcentaxe foi do 12,0% en Galicia, 1,5 puntos maior que na Rexión Norte de Portugal.

Outro indicador utilizado para analizar o estado do sistema educativo en ambas as dúas rexións é a porcentaxe de persoas de 30 a 34 anos que alcanzaron a educación superior: en Galicia é do 46,5%, mentres que na Rexión Norte de Portugal sitúase no 39,3%.

Abandono educativo temperán
Porcentaxes

Persoas de 30 a 34 anos con educación superior
Porcentaxes

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

Fonte: Observatorio transfronteirizo Galicia-Norte    (descarga da táboa)

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo